No noso centro o alumnado continúa demostrando que aprender pode ser tamén creativo, dinámico e moi motivador. Nas últimas semanas, os rapaces e rapazas están a traballar contidos de diversas materias a través da radio escolar, elaborando programas e podcast sobre temas moi variados relacionados co que estudan na aula.
Esta experiencia permítelles investigar, seleccionar información relevante e transformala nun formato atractivo para quen escoita. Deste xeito, os contidos de diferentes áreas convértense en programas interesantes nos que o alumnado explica, debate e comparte o aprendido.
Ademais, a radio convértese nun espazo perfecto para desenvolver habilidades moi importantes: a capacidade de traballar en equipo, organizar tarefas, respectar as opinións dos compañeiros e expresarse con claridade diante dun micrófono. Cada programa é o resultado dun proceso colaborativo no que todos e todas achegan algo: desde a preparación do guión ata a gravación final.
Os podcast que están a crear demostran non só o que saben, senón tamén a súa creatividade, responsabilidade e entusiasmo por comunicar. Sen dúbida, a radio escolar está a converterse nunha ferramenta educativa moi valiosa, na que aprender e comunicar van da man.

No hay comentarios:
Publicar un comentario