miércoles, 28 de octubre de 2026

Unha biblioteca por descubrir, mil aventuras por vivir!

Con motivo do Día das Bibliotecas, o alumnado de 1.º da ESO participou nunha sesión de formación de usuarios moi especial. Pero desta volta, a aprendizaxe veu acompañada de misterio, emoción e moitas ganas de descubrir! 

A través dun scape room, os nosos rapaces e rapazas convertéronse en investigadores, exploradores e viaxeiros, tres equipos con diferentes misións e un obxectivo común: percorrer todos os espazos da biblioteca, explorar cada recuncho e descubrir os segredos que agocha.

Seguindo pistas, resolvendo enigmas e traballando en equipo, aprenderon a orientarse na biblioteca, a coñecer os seus recursos e a descubrir todo o que este espazo lles pode ofrecer. Porque para coñecer unha biblioteca non abonda con abrir a porta: hai que deixarse levar pola curiosidade, atreverse a explorar e ter ganas de atopar novas historias.

Celebrar o Día das Bibliotecas é tamén lembrar que cada libro agocha unha oportunidade, cada páxina pode abrirnos unha porta e cada lectura pode cambiar a nosa maneira de mirar o mundo.

E se hai algo que queremos que quede desta aventura, é que ler nos fai medrar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario