Mostrando entradas con la etiqueta Caldo de Gloria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Caldo de Gloria. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de febrero de 2026

Un recreo con sabor a caldo de Gloria


 Hoxe degustamos o caldo de gloria elaborado onte por Maruja da Cunca.



Na entrada do centro toda a comunidades educativa compartiu este humilde pero delicioso prato para celebrar o Día de Rosalía e tamén, a nosa cultura gastronómica e popular. 



Aproveitamos para ler o poema Miña casiña meu lar do libro Follas Novas, escrito nos manteis facilitados pola fundación Rosalía De Castro, á que agradecemos o impulso deste tipo de iniciativas. 


lunes, 23 de febrero de 2026

Hoxe facemos caldo de Gloria: tradición que se comparte grazas a Maruja da Cunca

Hoxe o centro énchese de arrecendo coa pota ao lume e de memoria compartida. Maruja da Cunca vai elaborar un caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía de
Castro, no que se explica como facer un caldo humilde mentres se relata a épica diaria da supervivencia, da dignidade e da vida sostida co pouco.

Esta actividade coincide coa data do nacemento da autora, o 23 de febreiro de 1837, en Santiago de Compostela. Ao día seguinte foi bautizada na igrexa do Hospital Real, tal e como consta no rexistro parroquial.


O caldo galego típico, en enxebre, o de verdade, redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada.

Maruja estará acompañada polas alumnas do ciclo medio de TAPSD, que participarán activamente na elaboración da receita, convertendo a cociña nun espazo de aprendizaxe, transmisión oral e coidado compartido. O caldo resultante degustarase no recreo, nun momento para parar, xuntarnos e recoñecer o valor do esencial.

A receita do caldo de Gloria.

Nun pote grande póñense feixóns e auga case ata enchelo. Ponse o pote ao lume e, cando ferve, bótaselle o unto en proporción, non ao que o caldo require, senón ao que o peto do comensal permite.

Á hora e media de estar cocendo, bótanselle as patacas finamente cortadas e, cando están cocidas, engádense as verduras lavadas, cortadas e escollidas, facendo ferver de novo a mestura destapada.

As verduras poden ser nabos, nabizas, grelos, col ou unha verza moi típica que entre nós é coñecida co nome de verdura galega.

Innecesario é dicir que isto ten que levar o sal correspondente.

Hai quen espesa este caldo desfacendo, cando están ben cocidas, algunhas patacas, algunhas fabas e mailo unto.

Un caldo humilde, si, pero cheo de historia, identidade e calor humano.


viernes, 20 de febrero de 2026

Caldo de Gloria: do pote á comunidade da man de Maruja da Cunca

Non esquezades traer o luns unha cunca e unha culler.

Imos degustar o Caldo de Gloria, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía de Castro.

Na cociña teremos unha mestra de excepción, Maruja da Cunca, acompañada dunhas pinches inmellorables: as alumnas do ciclo de TAPSD.

Vémonos no recreo no hall do centro, 1ª planta.

Haberá caldo… pero non calquera... o de Gloria.