sábado, 22 de noviembre de 2014

Excursión a Santiago

O xoves 20 o alumnado de 2º ESO, 4º, 1º e 2º Bacharelato estivemos en Santiago no Auditorio de Galicia, Museo de Historia Natural e na Catedral.
No Auditorio asistimos á representación con monicreques da historia da Guerra de Troia.


No Museo de Historia Natural ubicado no fermoso parque de Vista Alegre visitamos a súa exposición permanente: biodiversidade terrestre (fauna, selva, sabana...)  e acuática (fraga, augas continentais...), a xeodiversidade (minerais, rochas, solos...), etc.


O Museo foi inaugurado recentemente na súa nova ubicación, e o profesor do noso centro Séchu Sende foi un dos primeiros en visitalo, quedando abraiado co que alí está exposto. E por iso decidiu escribir un diario sobre as anécdotas que viviu durante eses días en relación co que alí descubriu e que espertou o seu interese: unha donicela, unha vértebra de balea... O alumnado que participou na actividade tivo a ocasión de ler eses escritos a modo de diario para poder poñerse en antecedentes do que, en parte, ían atopar alí. Buscamos e buscamos a donicela que deseñou Séchu para A donicela do pai de Celestino... e atopámola agochadiña entre unhas plantas de ribeira. Aquí vos deixamos o deseño de Séchu e a foto que lle fixemos nós:


                      




Por outro lado, o alumnado de 2º de Bacharelato fixo unha visita á Catedral: cubertas, museo, arredores... e isto foi o que viron:

martes, 18 de noviembre de 2014

Sígueme





Lembrade que tedes de prazo ata o 1 de decembro para presentar os vosos relatos na biblioteca.

Para que vos inspiredes, aquí vos deixamos o texto de Fran Alonso que tedes que continuar:



O día en que desapareceu Xoel sucederon demasiadas cousas estrañas. Deitárame moi cansa, durmira profundamente e erguérame coa sensación de proceder dun lugar moi afastado e profundo. Para comezar, espertoume con brusquidade unha chamada telefónica desconcertante. Cando apañei o teléfono só escoitei a música de London Calling, de The Clash, logo de que unha voz robotizada pronunciase o meu nome: María. Curiosamente, esa é a miña canción favorita. Logo, cando fun almorzar, non quedaba café. Xa sei que pode parecer que iso non ten nada de raro, pero Xoel nunca marchaba da casa sen deixar o café feito. El sabía que eu son adicta ao café pola mañá, para cargarme de toda a enerxía que unha veterinaria necesita na súa xornada laboral. E, finalmente, cando saín pola porta para ir traballar, descubrín que durante a noite alguén metera dentro do meu coche a touriña que acababa de nacer, un par de porcos e todas as galiñas que temos na casa.


e o videoclip de London Calling de The Clash:



Que as Musas vos sexan propicias!!!

lunes, 17 de noviembre de 2014

Clube da lingua

O pasado venres fomos presentar o Proxecto "Tattoos da Galiza" ao Museo do Pobo Galego, a Santiago. Foi moi ben a cousa! Fixemos unha explicación do proxecto e proxectamos as 160 tatuaxes recibidas. Ademais, falou sobre o deseño gráfico dos tattos Pancho Lapeña, un deseñador de primeira categoría. E fixemos públicos os premios aos 6 tattoos que máis nos gustaron e entregamos os agasallos ás persoas que viñeron recollelos. O certo é que o pasamos moi ben, mesmo cantamos  nun karaoke improvisado a Sés e a Pili Pampín! Despois do acto no Museo do Pobo fomos ao Bar Silveira, na Praza de Mazarelos, onde Pancho Lapeña nos contou algunhas cousas sobre o deseño de interiores do bar, cheo de obxectos relacionados coa historia do deseño gráfico galego. 

Segunda fase do CambaNet


Hoxe comeza a segunda fase do CambaNet a cargo do Departamento de Educación Física. O prazo para contestar as preguntas do primeiro bloque é do luns 17 ata o venres 21 de novembro.
Lembrade que para respondelas debedes enviar un comentario coa resposta a todas elas ou ás que saibades dentro do prazo marcado. Para enviar o comentario en "Comentar como" debedes seleccionar "Nombre/URL" e escribir o nome do voso equipo no primeiro recadro (o de nome), deixando o resto en branco. É indispensable que figure o nome do equipo para poder puntuar as preguntas.
Recordade tamén que cada equipo só pode realizar un envío.

A puntuación será a seguinte:
  • Cada resposta correcta: 5 puntos
  • Resposta con 1 falta de ortografía: 4 puntos
  • Resposta con máis de 1 falta de ortografía, incorrecta ou fóra de prazo: 0 puntos
As solucións e mais as respostas de todos os grupos, así como a clasificación do primeiro bloque de preguntas, faranse públicas o domingo 23 de novembro.


Para resolver posibles dúbidas, consultade as instrucións nesta ligazón. 

As preguntas son as seguintes:

1. Busca no catálogo da nosa biblioteca que película dirixida por Stephen Daldry e que ten como tema central a danza trata temas relacionados co sexismo machista.


2. Busca na nosa biblioteca o libro que corresponda coa CDU: 796-LAT-bal e escribe como se chama o sistema defensivo que aparece no gráfico da páxina 330.



domingo, 16 de noviembre de 2014

Clasificación da primeira fase do concurso



A continuación publicamos as respostas correspondentes ao segundo bloque de preguntas e a clasificación final da primeira fase do concurso:





1. No blog da biblioteca Abre os ollos, no menú de nome "Catálogo Meiga" pódese comprobar que entre os títulos máis emprestados hai un que inclúe no seu nome a palabra matemáticas. Investiga e escribe en que cidade, país e ano naceu o autor deste coñecido libro.

Cidade: Boloña
País: Italia
Ano: 1945


2. En 1898 naceu na cidade holandesa de Leeuwarden un dos artistas máis admirados pola beleza e innovación das súas obras, con fondo claramente matemático. Busca na sección de Matemáticas da biblioteca un libro cuxo título comeza co nome do artista. Indica que animais se diferencian na figura da páxina 42.

Pombas/Paxaros e peixes




CLASIFICACIÓN POR ORDE DE PUNTUACIÓN DE MAIOR A MENOR

EQUIPO
PUNTUACIÓN POR PREGUNTA
TOTAL PARCIAL
TOTAL FINAL
Os nénos
5/5
10
20
Ilussia
4/5
10
19
Morriña
4/5
10
19
Nosilo
4/5
10
19
Alex Tintor
4/4
10
18
As venusiñas
4/4
10
18
Chocolota
4/5
9
18
Zoes
4/5
9
18
Los Ma´s
0/0
10
10
Zapato de Cristal
4/5
5
14
Merengue Merengue!!!
4/5
0
9
Galizantes
0/0
5
5
ELINFO
0/0
0
0
Equipo A
0/0
0
0
Funch
0/0
0
0
JAN
0/0
0
0
MAR
0/0
0
0
Marai
0/0
0
0
Nap
0/0
0
0
Sen nome
0/0
0
0




viernes, 14 de noviembre de 2014

MERSH no Camballón





O vindeiro venres 21 de novembro teremos o pracer de recibir, no IES "Marco do Camballón", a 25 estudantes da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela pertencentes á asociación MEIGA / IFMSA (Medicina Intercambios Galicia / Federación Internacional de Estudantes de Medicina para a Cooperación Internacional).

Trátase dun grupo de alumnas e alumnos dos últimos cursos da carreira que compartirán toda a mañá do venres co noso alumnado de 3º e 4º de ESO, impartindo docencia e realizando talleres sobre Sexualidade e Saúde Reprodutiva e Primeiros Auxilios e Soporte Vital Básico.

Estamos a falar do proxecto MERSH (Hospital de Educación Médica, Sexualidade e Saúde Reprodutiva) que naceu en Santiago, en marzo do ano pasado, da man de Paula Rodríguez Molino, a coordinadora do grupo.
Esta actividade ten as súas orixes noutra, que realiza tamén a asociación MEIGA, dirixida a alumnado de educación infantil e primaria: o Hospital de Osiños de Peluche (TBH, Teddy Bear Hospital).


Mais, a diferenza do Teddy Bear Hospital, que é unha actividade realizada tamén noutros países, o Hospital de Educación Médica, Sexualidade e Saúde Reprodutiva é unha iniciativa de MEIGA sen parangón no mundo. E as perspectivas de futuro desta asociación en relación ao MERSH son ben ambiciosas: por unha parte, levar o seu proxecto ao máximo número de centros educativos e a todas as provincias da nosa comunidade (en Pontevedra estréanse co IES "Marco do Camballón") e, por outro lado, que o seu Hospital sirva de exemplo para que outras universidades, tanto no ámbito nacional como internacional, comecen a levar a cabo iniciativas semellantes.




Lembrade que a vindeira semana comeza unha nova fase do CambaNet.
 O Departamento de Educación Físca será o encargado de formular as seguintes catro cuestións, algunha delas relacionada coa temática da actividade MERSH.