jueves, 5 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.

miércoles, 4 de febrero de 2026

Celebramos a creatividade: ‘Os tres músicos’ de Velázquez triunfa no concurso

 Durante o primeiro trimestre, a biblioteca convocou o concurso “Somos artistas”, no que o alumnado tivo a oportunidade de combinar creatividade, arte e traballo en equipo. O reto consistía en decorar a aula e representar un cadro famoso, dando vida ás obras a través da súa imaxinación e esforzo.


O gañador deste ano foi o equipo que elixiu representar o cadro “Os tres músicos” de Velázquez, unha obra emblemática do Barroco. A recreación destacou pola súa atención ao detalle, a fidelidade á obra orixinal e o talento do alumnado para trasladar a pintura á realidade da nosa aula.

Podedes velos disfrutando do seu premio na cafetería do instituto, un momento de recoñecemento e celebración para todos eles.

Parabéns a todos os participantes por poñer en práctica a súa creatividade e a súa pasión pola arte! Esperamos con ilusión as próximas edicións do concurso.

martes, 3 de febrero de 2026

Novas ilustracións na biblio!

Xa temos na biblioteca algunhas das impresionantes ilustracións que chegaron para participar no noso concurso. O reto? Facer unha caricatura, debuxo ou ilustración dun artista, pintor/a, cantante ou escritor/a...  que te inspire.

Non hai límites á creatividade: cada participante puido deixar voar a imaxinación e compartir a súa visión única dunha persoa que admire.

E atención: hai dous premios para as mellores obras, e son canxeables na cafetería do instituto!  Así que vale a pena deixar a túa pegada artística.



Pasade pola biblioteca e botádelle un ollo a estas obras fantásticas. Tamén podedes vela no Calaméo desta publicación, por se queredes revisalas desde calquera lugar. Quen sabe? A túa tamén podería ser unha das gañadoras!


O alumnado do IES Marco do Camballón mergúllase no Alto dos Xenerais de Salgueiros



O alumnado do IES Marco do Camballón está a vivir o Entroido desde dentro participando no Encontro Intercentros. Estes días atópanse ensaiando os personaxes máis representativos do Alto dos Xenerais de Salgueiros, unha das expresións máis singulares do noso Entroido tradicional.







Centinela, correo, xenerais, moros, frade e alcalde van collendo forma grazas ao traballo do alumnado, que conta ademais coa axuda e o acompañamento de membros do Carnaval de Salgueiros. Xuntos están a compartir saberes, tradición e moita ilusión para manter viva esta celebración tan nosa.


lunes, 2 de febrero de 2026

Saúde Mental


Iniciamos os obradoiros sobre saúde mental coa Asociación Fonte da Virxe.

Desta volta tocoulle o turno ao alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º curso do CM de Atención a persoas en situación de dependencia. Aprendemos sobre a importancia do benestar emocional, a coidarnos e a coidar aos demais. Nos cursos de formación profesional abordamos ademais o tema dende a perspectiva da saúde laboral. Nesta ligazón podedes consultar o resumo gráfico das sesións.

Esta actividade está incluída na liña de benestar emocional dentro dos proxectos de inclusión educativa convocados pola Consellería de Educación.

Universidade: USC e PAU


Participamos no programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" coa visita de J.M Blanco, que informa ao alumnado de 1º de Bacharelato sobre a Universidade de Santiago e as PAU.