martes, 28 de octubre de 2014

De celebracións, números e castañas


Xa vai chegando á súa fin este mes de outubro no que a biblioteca está de celebración con novos retos e proxectos pero tamén con tradicións que se consolidan.
Entre os primeiros, temos o novo concurso CambaNet no que, ademais da biblioteca, están implicados 12 departamentos. Tamén entre as novidades está o Torneo de xadrez, promovido polo Departamento de Matemáticas e a biblioteca nunha colaboración coa que se pretende incorporar ás nosas dinámicas o lema deste curso 2014-2015 para as Bibliotecas Escolares: Biblioteca escolar... matemático!!!  Ademais, as Matemáticas manteñen protagonismo no CambaNet, ao seren a materia coa que se bota a andar o noso concurso.
Pero, como diciamos, conservamos as boas tradicións e, para celebrar o 24 de outubro, Día Internacional da Biblioteca, convocamos o III Concurso de Relatos Breves, que este ano incluíu sorpresa: o escritor Fran Alonso redactou o inicio da historia a partir do cal o noso alumnado ten que seguir a súa narración. E de aí o título do certame: Sígueme.
E que mellor para pechar este mes fecundo que a celebración do Magosto: o xoves 30 de 12:30 a 14:30 teremos Ginkana, Torneo de xadrez e castañas.
A divertirse!!!



No hay comentarios:

Publicar un comentario