Mostrando entradas con la etiqueta Encontro de Entroido. Xenerais do Ulla. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontro de Entroido. Xenerais do Ulla. Mostrar todas las entradas

lunes, 9 de febrero de 2026

Vivas aos Xenerais: un Encontro de Entroido para lembrar

 O Encontro de Entroido foi, sen dúbida, un éxito rotundo. O alumnado non só gozou intensamente da xornada, senón que tamén deixou claro que o Entroido é unha tradición fondamente viva e sentida no noso concello. O que se viviu foi unha representación completa e chea de forza do noso Entroido, onde non faltou ningún dos seus elementos máis característicos.

O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.

O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria. 

Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.

Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.

viernes, 6 de febrero de 2026

IX Encontro de entroido

 


O podcast que acabamos de publicar é só un pequeno adianto de todo o que está por vir. Un aperitivo sonoro que nos abre a porta ao Encontro de Entroido, unha cita moi especial que reunirá á comunidade educativa de Vila de Cruces nun día cheo de creatividade, convivencia e celebración compartida.

Animámosvos a escoitalo e, sobre todo, a achegarvos ao Auditorio Xosé Casal a partir das 11 aproximadamente, onde terá lugar o encontro intercentros no que participarán o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o IES Marco do Camballón. O que se escoita no podcast é só unha mostra do talento, da ilusión e do traballo colaborativo que se poderá vivir en directo.

Dádelle ao play, deixádevos contagiar polo ambiente… e preparádevos para gozar dun Entroido que promete ser inesquecible.

jueves, 5 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido das Cruces


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.

martes, 3 de febrero de 2026

O alumnado do IES Marco do Camballón mergúllase no Alto dos Xenerais de Salgueiros



O alumnado do IES Marco do Camballón está a vivir o Entroido desde dentro participando no Encontro Intercentros. Estes días atópanse ensaiando os personaxes máis representativos do Alto dos Xenerais de Salgueiros, unha das expresións máis singulares do noso Entroido tradicional.







Centinela, correo, xenerais, moros, frade e alcalde van collendo forma grazas ao traballo do alumnado, que conta ademais coa axuda e o acompañamento de membros do Carnaval de Salgueiros. Xuntos están a compartir saberes, tradición e moita ilusión para manter viva esta celebración tan nosa.


viernes, 23 de enero de 2026

Primicia do voluntariado da radio

 O alumnado voluntario da radio, estivo contando unha primicia, que irán facer para o entroido? Terá algo que ver cunha actividade que veu impartir membros do Entroido de Salgueiros?






lunes, 19 de enero de 2026

Que non morra a tradición do Alto de Xenerais

 No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos.


Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.

Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás  en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.




Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado.  Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.






Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…

Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!

miércoles, 14 de enero de 2026

Vivindo o entroido de Salgueiros



Hoxe acompañáronnos Pepe, Ariana e Juan. Pepe está vencellado ao entroido de Salgueiros toda a vida e xunto con Ariana, Juan e o resto da parroquia, foron quen de recuperar esta tradición na parroquia no ano 2007. 
 










Nesta visita tan especial contáronlle ao alumnado de 1º de ESO cales son os personaxes do seu entroido: os aradores, que abren a mascarada; os xenerais, os moros, o alcalde e o frade. Falamos do papel de cada un deles, de que temas tratan nos seus versos e mesmo lemos algúns, traballando a entoación axeitada coa que deben ser recitados. 


Para rematar, puxéronnos mans á obra cunha choiva de ideas para que o alumnado poida comezar a elaborar os seus propios versos. A ver que sae de aquí… xa vos iremos informando!!




viernes, 2 de febrero de 2024

Encontro intercentros de Entroido.

O alumnado do IES participou hoxe nun encontro entre centros de Entroido organizado polo CEIP Cerdeiriñas de Piloño. 

Participaron por unha banda dúas xeneralas María e Xulia de 4º ESO, cuxos traxes foron cedidos pola Asociación Cultural Vello dos Cornos de Merza.

Por outro banda estiveron regueifando o alumnado de 2º e 3º ESO.

Moitas grazas pola invitación
 

viernes, 10 de febrero de 2023

Entroido intercentros

 


Hoxe tivo lugar o encontro de entroido intercentros, onde houbo Xenerais do Ulla dos colexios de Piloño e das Cruces e Regueifeiras do IES Marco do Camballón.

Viva o entroido!!







miércoles, 19 de febrero de 2020

IV Encontro de Entroido

Onte tivo lugar o Encontro de Xenerais do Ulla que ano tras ano se celebra na comarca que que cada ano organiza un dos centros que participa. Este ano foi o organizador o CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces.
Actuaron os Xenerais do CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira, empregando os traxes do seu entroido, mentres que os Xenerais do CEIP de Merza e do IES Marco do Camballón empregaron as vestimentas da Asociación Cultural "O vellos dos Cornos" de Merza. O alumando do Camballón tamén participou con tres parellas de mouros e un grupo de alumnado que regueifaron.
As parranda correron a cargo do CEIP de Cerdeiriñas e Nosa Señora da Piedade.

Viva o entroido!!