O Encontro de Entroido foi, sen dúbida, un éxito rotundo. O alumnado non só gozou intensamente da xornada, senón que tamén deixou claro que o Entroido é unha tradición fondamente viva e sentida no noso concello. O que se viviu foi unha representación completa e chea de forza do noso Entroido, onde non faltou ningún dos seus elementos máis característicos.
O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.
O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria.
Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.
Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.
O alumnado voluntario da radio, estivo contando unha primicia, que irán facer para o entroido? Terá algo que ver cunha actividade que veu impartir membros do Entroido de Salgueiros?
No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos. Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.
Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.
Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado. Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.
Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…
O alumnado de 4º de ESO participou nunha charla moi especial para coñecer algúns dos personaxes do entroido da man de Pepe, Ariana e Juan, membros do Entroido de Salgueiros.
Durante a sesión presentáronnos todos os personaxes que forman parte do entroido, pero detivéronse especialmente no centinela, o correo e os xenerais, xa que serán estes os personaxes que o alumnado terá que representar proximamente. Puideron coñecer como actúa cada un deles, de que falan nos seus versos e cal é o seu papel dentro da mascarada.
A experiencia foi aínda máis completa cando algunhas alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de vestir a chaqueta de xeneral, escoitar as vivas e sentir en primeira persoa a forza dos versos recitados.
Mostraron outros traxes que teñen na parroquia algún deles moi antigo feito dunha "colcha moruna" que as vendías persoas de fora polas aldeas.
Agora si que xa podemos dar o pistoletazo de saída ao encontro intercentros do concello … así que arrancamos!! 🎭🔥
En breve teredes máis información do IX Encontro de Entrodo.
No día de ontevtivo lugar nas Cruces unha emocionate festa onde tivo lugar un atranque dos Xenerais do Ulla improvisado. Acudiron ex alumnas no centro e grandes regueifeiras como son Nuria Penas e Lorena Medela
Fixéronse dous grupos de regueifeiras e regueifeiros e presentaron o enforntamento entre dous exércitos. A un lado o Exército Popular Galego e enfronte o Exército Francés como sucedera na batalla de Ponte Ledesma.
Nesta festa tamén tivo lugar unha homenaxe a Xosé Casal gran músico do Concello e gran actor que representou durante varias temporadas a Atilano, un esquelete acompañado da súa trompeta, que cando a facía soar non auguraba nada bo. Neste caso o papel de Atilano representábao Xabi de 4º ESO
Un documentario sobre a pegada da Batalla de Ponte Ledesma na lingua e na tradición oral.
A Batalla de Ponte Ledesma, que enfrentou as tropas de Napoleón e o exército popular galego da Xunta de TrasDeza en 1809, protagoniza o documental que realizou o alumnado de Oralidade e Regueifa de 3º da ESO do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.
O documentario céntrase nas pegadas daquel acontecemento histórico na tradición oral que, douscentos anos despois, perviven na cultura da comarca do Ulla.
O documentario ábrese co testemuño oral do avó dun alumno do Camballón que relata que o avó do seu avó, de nome Rodrigo, loitou na batalla de Ponte Ledesma, explicando detalles que se transmitiron de xeración en xeración na súa familia desde 1809.
No audiovisual preséntase a batalla como posíbel orixe do entroido da Ulla, que se expresa nunha batalla dialéctica en verso entre xenerais. Estes versos foron noutros tempos improvisados nos coñecidos atranques, onde as armas son as coplas rimadas e a violencia se converteu en humor.
Así, varios alumnos e alumnas da comarca falan da súa experiencia como xenerais do entroido do Ulla con orgullo e emoción. Tamén é importante no documentario a entrevista ao seu bisavó dun alumno da materia de “Regueifa e improvisación en verso”, onde coñecemos alguén que, ademais de memorizar as coplas na súa xuventude, tamén as improvisaba, no entroido de Merza.
No documentario fálase tamén dos traxes dos xenerais do Ulla, moi similares aos da Grand Armée, o exército de Napoleón Bonaparte, comparando os uniformes. Tamén ten unha atención especial na reportaxe a presenza de pavos reais na comarca, con cuxas plumas se elabora a decoración dos bicornes dos xenerais do Ulla, convertendo posibelmente esta comarca nunha das zonas de Europa onde que máis pavos reais se crían.
Os xenerais franceses Jean-Dieu Soult e Michel Ney dirixiron as tropas napoleónicas no século XIX e no documental recóllese a investigación que se realizou desde o Camballón –e através das redes sociais- para localizar cans que hoxe en día, máis de douscentos anos despois, foron bautizados como Sul e Nei. Esta pescuda activou o alumnado da comarca do Ulla através dos centros de ensino das Cruces, Silleda, a Bandeira, a Estrada, Boqueixón, Vedra, Touro, Milladoiro, Teo e o coléxio Lamas de Abade de Compostela. O resultado foi a recollida en vídeo e fotografía de varios cans que levan eses nomes.
O historiador e arqueólogo Víctor García Piñeiro, exalumno do Camballón, fecha o documentario a falar da pegada da batalla na toponimia local. García está a investigar na microtoponimia da zona do enfrontamento e fala de varios nomes de lugar relacionados co episodio bélico.
Desde o Clube da Lingua” do IES Marco do Camballón afirman que “o documentario é o resultado dun traballo colectivo no que participou alumnado e profesorado de varios centros de ensino da comarca, de forma colaborativa e con xenerosidade, e que serve como exemplo de que investigar na historia axúdanos a coñecer mellor o noso presente”. Tamén sinalan que “a oralidade é unha construción social do pobo e neste documentario coñecemos como através da nosa lingua se manifestan expresión culturais valiosas desde diferentes perspectivas: na poesía popular do entroido, na transmisión de relatosorais, nos nomes propios dos cans, na toponimia.”
Ademais, sinalan, “relacionar as orixes do entroido dos xenerais da Ulla coa actualidade é unha motivación para valorar unha cultura que se mantén viva grazas á colaboración e participación das novas xeracións pois nestes centros de ensino hai alumnado implicado na celebración dos xenerais do Ulla.”
A vida é un Carnaval ...... e para mostra este vídeo do que o alumnado fixo neste venres. Non faltou o desfile de disfraces, atranques de Xenerais do Ulla e as regueifas. Agradecer a Asociación Cultural Vello dos Cornos de Merza por todo o traballo, materiais e complementos que sempre están a disposición do IES Marco do Camballón.
O alumnado de Regueifa de 3° de ESO do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces visitou o Colexio Cerdeiriñas de Piloño. Fixeron atranques das Xeneralas do Ulla e ensinaron principios básicos e xogos de regueifa. Que ben!