viernes, 2 de octubre de 2026

Comeza a conta atrás para o Entroido!

 A pouco menos de tres meses para o Entroido, toca poñerse mans á obra: hai que preparar os disfraces, os discursos e, sobre todo, ir aprendendo a vivir unha tradición que queremos manter viva.

Por iso, na nosa Escola de Xenerais do Ulla, contamos con Suso Leal, que nos achegou as primeiras nocións e nos explicou como podemos comezar a preparar os discursos  do alumnado de 1º ESO e a súa participación na Vellada.

Na charla estiveron tamén representantes das asociacións de entroido de Merza, Piloño e Salgueiros, así como Noemí Loisa, concelleira de Benestar Social, Deporte e Sanidade, que quixo acompañarnos neste primeiro paso.

E xa temos vellada para o Entroido!

A conta atrás comezou. Agora toca aprender, ensaiar e poñerlle moita ilusión. Que viva o Entroido e que viva a tradición!


Arranca a Escola de Xenerais do Ulla

 Comeza unha nova andaina para o noso alumnado de 3º e 4º de ESO! A Escola de Xenerais do Ulla abriu as súas portas coa presenza de representantes das


asociacións de entroido de Merza, Piloño e Salgueiros, así como de Noemí Lois, concelleira de Benestar Social, Deporte e Sanidade, que quixo acompañarnos.

Contamos tamén con Suso Leal, que compartiu connosco as primeiras nocións para iniciarnos nesta fermosa aventura e descubrir a riqueza dunha tradición que forma parte da nosa identidade.

E se hai algo que nos emocionou especialmente foi poder coñecer e poñer en valor o traxe de Xeneral da Asociación Vello dos Cornos, con máis de 70 anos de historia. Unha peza que garda nas súas costuras memoria, tradición e orgullo.



Agora comeza o camiño. Que soen as cornetas, que medre a ilusión e que a tradición siga viva nas novas xeracións!

 

 

 

 


 

Volvemos coser historias!!

 Hai lugares que gardan libros, palabras e silencios. E hai outros que, ademais, gardan historias feitas coas mans.

Na nosa biblioteca hai xa un recanto onde os fíos, as teas, as agullas e as máquinas de coser agardan por nós. Un recanto que pouco a pouco se foi convertendo en algo máis ca un espazo: un lugar de encontro, de conversa, de aprendizaxe e de memoria.

Por fin, volvemos.

Volvemos abrir a caixa dos fíos. Volvemos colocar as teas. Volvemos escoitar ese son tan particular dunha máquina de coser traballando. E volvemos sentarnos xuntos arredor dunha mesa para descubrir que, ás veces, mentres cosemos unha tea tamén estamos cosendo vínculos, lembranzas e novas amizades.

Nesta nova andaina teremos con nós a Maruja da Cunca, que será a nosa mestra, compañeira e guía nesta viaxe polo mundo da costura. Con ela aprenderemos, compartiremos e, seguramente, tamén descubriremos que detrás de cada puntada pode haber unha historia.

Non fai falta saber coser.

Non fai falta ter experiencia.

Non fai falta traer máis ca ganas de aprender, de crear e de compartir un anaco do noso tempo.

Porque quizais tes unha tea gardada nun caixón desde hai anos. Quizais sempre quixeches aprender a manexar unha máquina. Quizais xa sabes coser e che apetece ensinar o que sabes. Ou quizais simplemente buscas un lugar onde sentarte, conversar e facer algo bonito coas mans.

Todo iso tamén cabe no noso recanto da costura.

Retomamos o taller e queremos que sexades moitos e moitas os que vos acheguedes. Porque unha biblioteca non só se enche de libros: énchese das persoas que a habitan, das súas voces, das súas historias e das cousas que son capaces de crear xuntas.

E nós queremos volver encher a nosa de fíos.

De risas.

De aprendizaxes.

De ilusión.

E de historias que, puntada a puntada, iremos cosendo entre todos.

A cadeira está preparada. A agulla tamén.

Só faltas ti. 

Retomamos o taller de costura na biblioteca. Anímate a formar parte del!

jueves, 1 de octubre de 2026

Encéndense os micros!


Hoxe é un deses días nos que as aulas habituais se transforman en algo máis e a maxia da comunicación éncheo todo. Temos o enorme pracer de contar no noso centro cun convidado de luxo: Damián Alonso, recoñecido actor de dobraxe, comunicador e formador da prestixiosa asociación Ponte…nas ondas!.

O alumnado de


1º da ESO vai vivir unha xornada absolutamente emocionante converténdose en xornalistas, locutores e técnicos por un día. Deixamos de lado os cadernos por unhas horas para mergullarnos de cheo no apaixonante mundo da radio e do podcast.

Que imos aprender hoxe?

Coa enerxía e experiencia que caracterizan a Damián, os nosos mozos e mozas aprenderán as claves esenciais para facer radio dende dentro:

• A maxia da voz: Como modular o ton, traballar a dicción e perder o medo escénico diante dun micrófono.

• Detrás do micro: O deseño de guións e escaletas para que os programas teñan ritmo e enganchen.

• Control técnico: Como manexar os aparellos, controlar os volumes e facer que a música e os efectos sonoros flúan en directo.

A emoción xa se respira nos corredores. Para moitos deles e delas é a primeira vez que se enfrontan a un micrófono profesional, e a mestura de nervios, risas e creatividade promete deixarnos contidos espectaculares.

Grazas a iniciativas coma as de Ponte…nas ondas!, o noso alumnado non só aprende a usar as ferramentas técnicas da radio escolar, senón que tamén desenvolve competencias clave como a expresión oral, o traballo en equipo e o respecto polo noso patrimonio lingüístico e cultural.

Ficade moi atentos ao blog e ás nosas redes, porque moi pronto compartiremos os audios e podcasts resultantes desta intensa e emocionante xornada de gravación.

¡Silencio no estudio, que estamos no aire! 


miércoles, 30 de septiembre de 2026

Incorporacións ó repertorio da biblioteca.

 A chegada de Morgana altera a aparente serenidade coa que Merlín vive no bosque de Esmelle. A amante de Artur entra na cada de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade. 

   

Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruina de Avalon e da caída de Camelot.  Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos. 
   

    Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?
    Unha novela que reescribe o mito cunha ollada contemporánea.



    Mito que reflexa a orixe dunha gran nación, tralo que se pode esconder algo de historia medieval, relixión cristiana, relacións de amor e cabaleiros, xunto cun punto de vista filosófico. Son estes ingredientes suficientes para que te embarques nesta aventura literaria?