miércoles, 21 de mayo de 2014

Xenómica no Camballón


Aos que tivestes a fortuna de estar alí e aos que, pola razón que sexa, non puidestes asistir, calquera cousa que vos dixésemos agora sobre a conferencia coa que nos agasallou o doutor Ángel Carracedo o pasado martes 20 quedaríase curta.
As expectativas xeradas eran grandes –non en van o conferenciante é unha figura mundial no seu eido científico– e á cita, ademais dos que xogabamos na casa (a xente do Camballón), acudiron estudantes e profesorado dos IES Aller Ulloa e Laxeiro de Lalín, aos que se sumaron nais, pais e público xeral.
Porén, a conferencia non estivo á altura das expectativas previas: estivo por enriba delas. A proximidade do doutor Carracedo –que non quixo permanecer no estrado que se lle tiña preparado e baixou a departir con nós no patio de butacas–, a súa enorme capacidade de comunicación, a súa humildade e honestidade intelectual, converteron a experiencia nunha charla amigable e, ao mesmo tempo, engaiolante que se traduciu nunha longa rolda de preguntas por parte do alumnado. Conseguiuse o case imposible: dúas horas de conversa dun interese indeclinable.
Desde o equipo da biblioteca queremos expresar unha vez máis o noso profundo agradecemento ao doutor Carracedo por compartir connosco, de xeito completamente xeneroso e desinteresado, unha parte do seu tempo e dos seus vastos coñecementos.


Aquí vos deixamos o vídeo da conferencia para que a revivades ou vos asomedes por primeira vez ao que alí se dixo. Aproveitádeo, non sempre se ten a ocasión de aprender cun sabio do noso tempo.









E aquí tedes a galería de imaxes do acontecemento:



martes, 20 de mayo de 2014

Letras galegas 2014: Xosé Mª Díaz Castro (III)

Informativo emitido o xoves 10 de abril dende a Cidade da Cultura polo alumnado do CPI Os Dices de Rois no que repasan a vida e a obra do poeta.


lunes, 19 de mayo de 2014

CambaLetras 2014: 1º bloque de preguntas

A continuación publicamos as 5 preguntas correspondentes ao 1º bloque (do luns 19 ata o venres 23 de maio).
Lembrade que para respondelas debedes enviar un comentario coa resposta a todas elas ou ás que saibades dentro do prazo marcado. Para enviar o comentario en "Comentar como" debedes seleccionar "Nombre/URL" e escribir o nome do voso equipo no primeiro recadro (o de nome), deixando o resto en branco. É indispensable que figure o nome do equipo para poder puntuar as preguntas.
Recordade tamén que cada equipo só pode realizar un envío.
A puntuación será a seguinte:
  • Cada resposta correcta: 5 puntos
  • Resposta con 1 falta de ortografía: 4 puntos
  • Resposta con máis de 1 falta de ortografía, incorrecta ou fóra de prazo: 0 puntos
As solucións e mais as respostas de todos os grupos, así como a clasificación faranse públicas o domingo 25 de maio.

As preguntas son as seguintes:



1. Que CDU e número de rexistro ten na nosa biblioteca o poemario do autor homenaxeado este ano no Día das Letras?
  


2. Cales foron os tres primeiros autores/as aos que se lles dedicou o Día das Letras?


3. Cal foi o último libro que publicou en vida o poeta lugués homenaxeado en 2011?


4. Que poeta da Xeración dos 50 andou do Courel a Compostela?


5. O poema “Barbie girl” do libro Penúltimas tendencias de Carlos Negro está feito a imitación doutro moi coñecido do autor homenaxeado en 1989. Cal é o título dese poema publicado en 1962?