viernes, 27 de febrero de 2026

Nada se tira: do caldo ás croquetas

 Despois de desfrutar dun bo Caldo de Gloria, quedou carne sobrante. Maruja da Cuncha, a nosa experta en cociña, lembrou algo moi importante: na cociña, nada se tira, todo se pode aproveitar.

Grazas á súa sabedoría e ao seu amor pola cociña tradicional, ensinounos como reutilizar esa carne para preparar unhas ricas croquetas de polo. Axudou ao alumnado de TAPSD a poñer en práctica unha receita sinxela, saborosa e chea de sentido, demostrando que o aproveitamento tamén é unha forma de coidar o noso entorno e as nosas tradicións.

Aquí vos deixamos a receita que ela lles compartiu....








Unha vez preparada a masa, toca deixar repousar un día e logo hai que darlle forma, pasala por ovo e pan relado e fritir. 





… mirade que pintaza tiñan!


Moitas grazas, Maruja, por compartir connosco tanta sabedoría culinaria e por manter vivas as receitas tradicionais que pasan de xeración en xeración

miércoles, 25 de febrero de 2026

Visita ao Centro para a Promoción da Autonomía Persoal

 


As alumnas do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia visitaron o Centro para a Promoción da Autonomía Persoal en Bergondo, dependente do Imserso, e que é referente na atención integral de persoas con discapacidade. Puidemos ver as súas instalacións e aprender da súa labor.



martes, 24 de febrero de 2026

Un recreo con sabor a caldo de Gloria


 Hoxe degustamos o caldo de gloria elaborado onte por Maruja da Cunca.



Na entrada do centro toda a comunidades educativa compartiu este humilde pero delicioso prato para celebrar o Día de Rosalía e tamén, a nosa cultura gastronómica e popular. 



Aproveitamos para ler o poema Miña casiña meu lar do libro Follas Novas, escrito nos manteis facilitados pola fundación Rosalía De Castro, á que agradecemos o impulso deste tipo de iniciativas. 


lunes, 23 de febrero de 2026

Hoxe facemos caldo de Gloria: tradición que se comparte grazas a Maruja da Cunca

Hoxe o centro énchese de arrecendo coa pota ao lume e de memoria compartida. Maruja da Cunca vai elaborar un caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía de
Castro, no que se explica como facer un caldo humilde mentres se relata a épica diaria da supervivencia, da dignidade e da vida sostida co pouco.

Esta actividade coincide coa data do nacemento da autora, o 23 de febreiro de 1837, en Santiago de Compostela. Ao día seguinte foi bautizada na igrexa do Hospital Real, tal e como consta no rexistro parroquial.


O caldo galego típico, en enxebre, o de verdade, redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada.

Maruja estará acompañada polas alumnas do ciclo medio de TAPSD, que participarán activamente na elaboración da receita, convertendo a cociña nun espazo de aprendizaxe, transmisión oral e coidado compartido. O caldo resultante degustarase no recreo, nun momento para parar, xuntarnos e recoñecer o valor do esencial.

A receita do caldo de Gloria.

Nun pote grande póñense feixóns e auga case ata enchelo. Ponse o pote ao lume e, cando ferve, bótaselle o unto en proporción, non ao que o caldo require, senón ao que o peto do comensal permite.

Á hora e media de estar cocendo, bótanselle as patacas finamente cortadas e, cando están cocidas, engádense as verduras lavadas, cortadas e escollidas, facendo ferver de novo a mestura destapada.

As verduras poden ser nabos, nabizas, grelos, col ou unha verza moi típica que entre nós é coñecida co nome de verdura galega.

Innecesario é dicir que isto ten que levar o sal correspondente.

Hai quen espesa este caldo desfacendo, cando están ben cocidas, algunhas patacas, algunhas fabas e mailo unto.

Un caldo humilde, si, pero cheo de historia, identidade e calor humano.


Visita a Innovart26

 

O alumnado de FP e de 4°ESO visitou Innovart26 na Cidade da Cultura para coñecer as ensinanzas de FP de réxime especial que se ofertan en Galícia. 


Nesta visita o alumnado tivo ocasión de participar en diversos obradoiros tales como restauración de obras de arte, creación de colgantes con arxila, escritura en chino ou campeonato de fútbol entre outras.


viernes, 20 de febrero de 2026

Caldo de Gloria: do pote á comunidade da man de Maruja da Cunca

Non esquezades traer o luns unha cunca e unha culler.

Imos degustar o Caldo de Gloria, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía de Castro.

Na cociña teremos unha mestra de excepción, Maruja da Cunca, acompañada dunhas pinches inmellorables: as alumnas do ciclo de TAPSD.

Vémonos no recreo no hall do centro, 1ª planta.

Haberá caldo… pero non calquera... o de Gloria.






Saúde mental

Contiuamos a falar de saúde mental co alumnado de 4º ESO e o CM de Atención a persoas en situación de 
dependencia.


Desta volta tocou o turno ás emocións: aprendemos a identificalas, recoñecelas e xestionalas, ao tempo que poñemos en práctica habilidades sociais.

Todo isto, de man da Asociación Fonte da Virxe.

jueves, 19 de febrero de 2026

Homenaxe a Rosalía de Castro

A palabra convértese en arte, e a arte en emoción. Con motivo da celebración da figura de Rosalía de Castro, convidámoste a participar nun concurso creativo onde poderás expresar, dende a túa propia mirada, o que esta autora significa para ti e para a nosa cultura.

Poderás empregar calquera técnica ou formato: debuxo, pintura, collage, fotografía, escultura… non hai límites cando a creatividade fala! O importante é que a túa obra sexa persoal, sentida e chea de intención.

Haberá 5 premios, e o xurado valorará especialmente:

a creatividade,

a orixinalidade,

a habilidade técnica,

                                                             e a composición da obra.

Este é o teu momento para crear, experimentar e deixar pegada. Atréveste a dialogar con Rosalía dende o século XXI?
Participa e fai que a súa voz siga viva a través da túa creación.
 

viernes, 13 de febrero de 2026

Un Entroido cheo de cor, música e diversión

 


Nas últimas horas da mañá tivo lugar o esperado Concurso de Entroido, unha xornada chea de alegría, creatividade e bo ambiente. O concurso contou con diferentes modalidades, nas que participaron persoas de maneira individual, en grupo e tamén na categoría de coreografía.


Na modalidade individual, o disfraz gañador foi María Antonieta, que destacou pola súa elegancia e coidado dos detalles. O premio ao mellor disfraz en grupo foi para a temática dos Xogos Olímpicos, cunha posta en escena moi orixinal, mentres que na categoría de coreografía triunfaron Alvin e as Ardillas, facendo gozar ao público coa súa enerxía e ritmo.

O equipo da biblioteca tamén se sumou á celebración cun fermoso disfraz inspirado en Frida Kahlo, enchendo o espazo de arte e cor. Ademais, houbo moitas persoas disfrazadas que, aínda que non participaron no concurso, contribuíron a crear un ambiente festivo e participativo.

A xornada foi realmente moi divertida, con risas, música e incluso photocall, onde se puideron inmortalizar os mellores momentos do día.

Parabéns ás persoas gañadoras e grazas a todas e todos por facer deste Entroido unha celebración inesquecible! 

Memorias dun neno labrego no teatro.


O alumnado de 1º ESO foron a  Compostela ao teatro ver "Memorias dun neno labrego", adaptación da novela do noso veciño Pepe Neira Vilas, que marabilla!






Ademais, as actrices e actores saudáronnos co saúdo regueifeiro ao final da obra! Viva vós!

Antes, fixeron unha actividade sociolingüística polas rúas, fomos á libraria Couceiro, entrevistamos a Mónica García, Federico Pérez e Santi Romay, do elenco da obra de teatro,  e visitaron o Panteón de Galegos Ilustres e o Museo do Pobo Galego.

Recomendamos de corazón esta obra de teatro. É brutal! 




jueves, 12 de febrero de 2026

A meca informa


 

Obradoiro: Primeiros auxilios


 O alumnado de 2º ESO, 3º ESO e formación profesional participa nun obradoiro de primeiros auxilios impartido por profesorado da Universidade da Coruña.
Aprenderon de forma práctica a actuar en casos de esvaecementos, a realizar a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a empregar o desfibrilador.

Sen dúbida, unha lección moi útil que axuda a salvar vidas e agardamos que compartan cos máis achegados!

lunes, 9 de febrero de 2026

A visita da meca


 

Vivas aos Xenerais: un Encontro de Entroido para lembrar

 O Encontro de Entroido foi, sen dúbida, un éxito rotundo. O alumnado non só gozou intensamente da xornada, senón que tamén deixou claro que o Entroido é unha tradición fondamente viva e sentida no noso concello. O que se viviu foi unha representación completa e chea de forza do noso Entroido, onde non faltou ningún dos seus elementos máis característicos.

O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.

O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria. 

Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.

Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.

viernes, 6 de febrero de 2026

Gañadores premios Ilustracións

 O concurso artístico deste ano contou cunha alta participación, mostra do interese, da creatividade e do talento que hai na nosa comunidade educativa. Foron moitas as obras presentadas, todas elas de gran nivel, o que fixo especialmente difícil a tarefa do xurado.

Entre todas, destacaron as tres mellores obras, recoñecidas pola súa orixinalidade, coidado técnico e capacidade expresiva. O primeiro posto foi para Santi, cuxa obra conseguiu conquistar ao xurado pola súa forza e creatividade. Ademais, produciuse un dobre empate no segundo posto, compartido por Sarai e Bruno, que demostraron tamén un excelente nivel artístico.

Parabéns aos tres polo recoñecemento acadado e, por suposto, a todas as persoas participantes. Animámosvos a seguir demostrando as vosas habilidades artísticas, a creatividade e o bo facer, que fan posible iniciativas tan enriquecedoras como esta.










Club de lectura

Seguimos coas reunións dos distintos clubs de lectura que celbramos unha vez por semana durante o recreo.

Nas imaxes vemos ao alumnado de 3º da ESO que este mes está lendo o libro Comerás flores, de Lucía Solla Sobral. A novela conta a historia de Marina, unha xoven que está a atravesar o duelo pola morte de seu pai e ao mesmo tempo inicia unha relación cun home maior. 

O grupo de 2º da ESO leu Invisible e Redes, de Eloy Moreno. Na actualidade están lendo O que sei do silencio de Andrea Maceiras, centrada no tema do acoso escolar.

Xa estamos a organizar a excursión do club de lectura. Este curso estará relacionada co contido do libro A casa da Mina, de Maica Gorgal. Proximamente vos diremos maís... Estade atentxs! 

 

IX Encontro de entroido

 


O podcast que acabamos de publicar é só un pequeno adianto de todo o que está por vir. Un aperitivo sonoro que nos abre a porta ao Encontro de Entroido, unha cita moi especial que reunirá á comunidade educativa de Vila de Cruces nun día cheo de creatividade, convivencia e celebración compartida.

Animámosvos a escoitalo e, sobre todo, a achegarvos ao Auditorio Xosé Casal a partir das 11 aproximadamente, onde terá lugar o encontro intercentros no que participarán o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o IES Marco do Camballón. O que se escoita no podcast é só unha mostra do talento, da ilusión e do traballo colaborativo que se poderá vivir en directo.

Dádelle ao play, deixádevos contagiar polo ambiente… e preparádevos para gozar dun Entroido que promete ser inesquecible.

jueves, 5 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido das Cruces


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.