viernes, 30 de enero de 2026

Visita guiada cos alumnos de Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería á empresa CITIC CENSA en O Porriño

 O pasado 28 de xaneiro, os alumnos do Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería tiveron a oportunidade de visitar as instalacións da empresa CITIC CENSA, situada en O Porriño. Esta empresa está especializada na fabricación de maquinaria pesada, destacando en sectores clave da industria como a minería, a enerxía e a construción.

Durante a visita, o alumnado puido coñecer de primeira man a fabricación de equipos de gran envergadura, entre os que destacan:

Tuneladoras, utilizadas na construción de grandes proxectos subterráneos.

Muíños para cementeiras e extracción de minerais, fundamentais para a industria da construción e a minería.

Turbinas para centrais hidráulicas, que contribúen á produción de enerxía renovable.

A xornada permitiu aos estudantes observar de cerca os procesos de soldadura e caldeirería aplicados á maquinaria pesada, así como comprender a importancia da precisión e da tecnoloxía no deseño e fabricación destes equipos. Ademais, serviu para motivar ao alumnado e mostrarlles posibles vías de desenvolvemento profesional dentro do sector industrial.

Agradecemos á empresa CITIC CENSA a súa disposición e dedicación para amosar o seu traballo e formar aos futuros profesionais da soldadura e a caldeirería.

Que a dor allea non nos sexa indiferente: Día da Paz no Camballón

 Hoxe conmemoramos o Día da Paz no noso centro, unha xornada para parar, reflexionar e mirar de fronte unha realidade que este curso estamos a traballar especialmente: a guerra e os conflitos no mundo.

Como di esta fermosa versión da canción “Solo le pido a Dios”, a guerra é un “monstro grande e pisa forte toda a pobre inocencia da xente”. Unha mensaxe clara que nos convida a non ser indiferentes ante a dor, a inxustiza e o sufrimento de tantas persoas inocentes.

Con este espírito, elaboraron un mural sobre as guerras e conflitos actuais, co obxectivo de concienciar a toda a comunidade educativa sobre a situación do mundo e a importancia de construír a paz desde o respecto e a solidariedade.

Ao redor deste tema xiron tamén as actividades das titorías, pensadas para conmemorar o Día da Paz e
fomentar a reflexión, o diálogo e o pensamento crítico no alumnado.

Sen dúbida, o ser humano non pode mirar cara outro lado: a violencia e a violación dos dereitos humanos nunca poden estar por riba do respecto, do diálogo e da vía diplomática.

Agardamos, con este traballo, espertar conciencias e contribuír a desenvolver un espírito crítico e comprometido no noso alumnado, porque a paz constrúese cada día, tamén desde a escola.


Porque a paz non é só a ausencia de guerra, senón a presenza da xustiza, do respecto e da empatía. Desde a escola queremos lembrar que cada pequeno
xesto conta e que educar para a paz é educar para a vida. Que a dor allea non nos sexa indiferente e que nunca deixemos de crer que un mundo máis xusto e en paz é posible.

jueves, 29 de enero de 2026

Día do crebacabezas


 

No día do crebacabezas, atopamos ao alumnado traballando sen descanso para rematar este cadro de 1000 pezas....  conseguiramos antes de que remate o curso?
Xa vos teremos informadas e informados?


miércoles, 28 de enero de 2026

A paz nos ollos do alumnado de 3º de ESO


Durante as últimas sesións na materia de Relixión, o alumnado de 3º de ESO estivo a traballar e reflexionar arredor dun valor fundamental para a convivencia: a paz.

A actividade comezou cunha pregunta sinxela pero profunda: Que é a paz para ti? A partir das súas respostas xurdiron palabras como respecto, diálogo, xustiza, solidariedade, liberdade, igualdade ou convivencia. O alumnado tamén identificou situacións nas que perciben a ausencia de paz, tanto a nivel mundial como no seu propio entorno máis próximo.

Posteriormente reflexionaron sobre as causas dos conflitos, sinalando aspectos como a falta de diálogo, as desigualdades sociais, o abuso de poder, a discriminación, a pobreza, o racismo ou a intolerancia. Ao mesmo tempo analizaron que cousas contribúen á construción da paz, destacando a importancia da educación, da empatía, da cooperación, da solidariedade, do respecto ás diferenzas e da resolución pacífica dos conflitos.

Unha parte moi significativa da actividade foi o análise crítico de noticias reais aparecidas no xornal. Cada alumno e alumna escolleu dúas noticias: unha relacionada cun conflito ou situación de inxustiza, e outra vinculada a iniciativas ou accións que contribúen á paz.

En cada exposición explicaron de que trataba a noticia, que tipo de conflito ou problema reflectía, que persoas estaban implicadas e que consecuencias tiña para a sociedade. Ademais, remataron cunha frase persoal de reflexión, expresando o que esa noticia lles facía pensar e que aprendizaxe sacaban dela.





Grazas a este traballo, o alumnado puido comprender que a paz non é só a ausencia de guerra, senón un proceso diario que se constrúe con pequenos xestos, decisións xustas e actitudes responsables.

Como conclusión compartida, quedou clara unha idea: todos e todas podemos facer algo para construír a paz desde o noso propio entorno.



Visita a Casas das Ciencia e ao MUNCYT

 O xoves pasado o alumnado de 2º ESO e 3ºESO visitou A Coruña con intencións moi científicas. A primeira parada foi na Casa das Ciencias, onde os nosos rapaces e rapazas puideron explorar fenómenos físicos xogando e experimentando. Os máis afortunados tamén  presenciaron o nacemento dun poliño.

Logo dirixímonos ao MUNCYT. Aquí realizamos experimentos en grupo que nos permitiron coñecer o pH de diferentes sustancias da nosa vida diaria, como o limón, o vinagre ou o bicarbonato. Para iso empregamos unha hortaliza que non a todos nos gusta: a col lombarda. Unha vez rematados os experimentos, realizamos unha visita guiada polo museo, cheo de obxectos e tecnoloxía. 
Na Sala Maiúsculas puidemos ver o primeiro ordenador que chegou a España, un acelerador de partículas contruido no noso país ou a linterna usada antigamente na Torre de Hércules. Tamén nos chamou moito a atención unha sala adicada ao século XX, na que se expoñía un invento por ano, dende o 1901 ata o 1999. Pero, sen dúbida, o que máis nos chamou a atención foi o avión Boeing 747, exposto por pezas e famoso por traer o Guernica a España. Sabiades que houbo que tirar unha parede do MUNCYT para instalar o avión na seu interior. Animávosmos a visitar o museo, está cheo de curiosidades!!



martes, 27 de enero de 2026

IX Encontro Intercentros de entroido

O vindeiro 6 de febreiro celebrarase no Auditorio Xosé Casal o IX Encontro Intercentros de Entroido do Concello de Vila de Cruces, unha xornada de convivencia que reunirá ao alumnado dos tres centros educativos do concello.                                                   Este encontro favorece que a historia e a tradición do Entroido continúen vivas nas novas xeracións, promovendo o coñecemento e o respecto polo patrimonio cultural propio de Vila de Cruces.   Se o tempo acompaña, a xornada completarase cun momento moi especial: o desfile dos Primeiros Xenerais das Cruces, que percorrerán a Rúa Vázquez, continuando pola Travesía Vázquez nº 5 ata chegar ao auditorio, onde se escoitarán os tradicionais vivas, enchendo as rúas de música, cor e tradición.                        A tradición dos Xenerais das Cruces cumpre este ano 50 anos de historia. A súa orixe remóntase a cando un grupo de mozos do pobo decidiu modificar e dar forma a unha celebración que hoxe é sinal de identidade do Entroido cruceño.                             Naqueles primeiros anos, chamaron aos xenerais dalgunhas das parroquías do concello —Bascuas, Camanzo, Duxame, Merza, Ollares ou Piloño— para participar nos actos. De cal delas foi exactamente o primeiro xeneral? Non o sabemos con certeza, pero esa incógnita tamén forma parte da riqueza dunha tradición transmitida de xeración en xeración, máis viva ca nunca.
Unha cita xa consolidada no calendario educativo e cultural do concello, que combina educación, convivencia e identidade local.


viernes, 23 de enero de 2026

Primicia do voluntariado da radio

 O alumnado voluntario da radio, estivo contando unha primicia, que irán facer para o entroido? Terá algo que ver cunha actividade que veu impartir membros do Entroido de Salgueiros?






miércoles, 21 de enero de 2026

Investigando parque Naturais de España

 O alumnado de 2º de Bacharelato realizou unha actividade de investigación sobre varios Parques Nacionais de España, co obxectivo de coñecer mellor a súa riqueza natural, a súa biodiversidade e a importancia da súa conservación. Organizados en grupos, cada equipo buscou información sobre un espazo protexido diferente: o Parque Nacional de Timanfaya, a Serra Nevada, as Táboas de Daimiel, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, os Picos de Europa e o Arquipélago de Cabrera.
Durante o traballo, o alumnado investigou aspectos como a localización xeográfica, a paisaxe, o clima, a flora e a fauna características de cada parque, así como as principais ameazas ambientais ás que se enfrontan. Tamén reflexionaron sobre a importancia de protexer estes espazos naturais e sobre o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e na conservación da biodiversidade.
Finalmente, cada grupo compartiu coa clase a información recompilada mediante pequenas exposicións orais, acompañadas de imaxes e datos relevantes. A actividade permitiu ao alumnado ampliar os seus coñecementos sobre o patrimonio natural español, desenvolver habilidades de busca e selección de información e tomar conciencia da necesidade de coidar e respectar os espazos naturais.




martes, 20 de enero de 2026

Apoio emocional e habilidades sociais



Da man da psicóloga Adriana Rodríguez traballamos a educación emocional e habilidades sociais co alumnado de 3º ESO, 4º ESO, 1º CM Soldadura e FP Básica, ao longo de varias sesións. Aquí podedes ver fotos dos obradoiros.


lunes, 19 de enero de 2026

Que non morra a tradición do Alto de Xenerais

 No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos.


Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.

Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás  en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.




Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado.  Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.






Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…

Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!

viernes, 16 de enero de 2026

Coñecendo os persoaxes do noso entroido

 

 

 O alumnado de 4º de ESO participou nunha charla moi especial para coñecer algúns dos personaxes do entroido da man de Pepe, Ariana e Juan, membros
do Entroido de Salgueiros.



Durante a sesión presentáronnos todos os personaxes que forman parte do entroido, pero detivéronse especialmente no centinela, o correo e os xenerais, xa que serán estes os personaxes que o alumnado terá que representar proximamente. Puideron coñecer como actúa cada un deles, de que falan nos seus versos e cal é o seu papel dentro da mascarada.

 


A experiencia foi aínda máis completa cando algunhas alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de vestir a chaqueta de xeneral, escoitar as vivas e sentir en primeira persoa a forza dos versos recitados.


 

 Mostraron outros traxes que teñen na parroquia algún deles moi antigo feito dunha "colcha moruna" que as vendías persoas de fora polas aldeas. 



Agora si que xa podemos dar o pistoletazo de saída ao encontro intercentros do concello … así que arrancamos!! 🎭🔥

 










 

En breve teredes máis información do IX Encontro de Entrodo.

jueves, 15 de enero de 2026

Xa temos gañadores do concurso SOMOS ARTISTAS!



Parabéns a Owen, Hansson, Bruno e Aday que interpretaron o cadro do pintor Diego Velázquez, titulado Tres músicos e conseguiron así o premio á mellor aula.


miércoles, 14 de enero de 2026

Vivindo o entroido de Salgueiros



Hoxe acompañáronnos Pepe, Ariana e Juan. Pepe está vencellado ao entroido de Salgueiros toda a vida e xunto con Ariana, Juan e o resto da parroquia, foron quen de recuperar esta tradición na parroquia no ano 2007. 
 










Nesta visita tan especial contáronlle ao alumnado de 1º de ESO cales son os personaxes do seu entroido: os aradores, que abren a mascarada; os xenerais, os moros, o alcalde e o frade. Falamos do papel de cada un deles, de que temas tratan nos seus versos e mesmo lemos algúns, traballando a entoación axeitada coa que deben ser recitados. 


Para rematar, puxéronnos mans á obra cunha choiva de ideas para que o alumnado poida comezar a elaborar os seus propios versos. A ver que sae de aquí… xa vos iremos informando!!




martes, 13 de enero de 2026

O Entroido xa está aquí!!

 O Entroido é moito máis ca unha festa: é unha tradición da nosa contorna, parte da nosa identidade e da nosa historia. Se non a vivimos e a facemos nosa, corre o risco de perderse. Por iso, este febreiro toca facer algo importante: disfrazarse, crear, rir e compartir.

Podes participar de maneira individual ou en grupo, deixando voar a imaxinación e apostando pola orixinalidade. Haberá premios para recoñecer o esforzo e a creatividade, pero o máis importante é formar parte da festa e manter viva esta tradición.

 Xa vos podedes apuntar na biblioteca!

Anímate, participa e fai que este Entroido sexa inesquecible.

O Entroido continúao ti!